Esta noite viñeron moitas cousas á miña cabeza. Por unha vez non quero escribir da triste realidade política e social na que vivimos. Onte, día un de agosto, moitos españois comezaron as súas vacacións de verán, botándose á carretera en busca das praias. A mente váiseme cos que están lonxe, cos amigos que pasarán este mes de agosto traballando noutras cidades, a moitos kilómetros da nosa Ría, das súas montañas, das súas postas de sol, lonxe, en fin, dos bos momentos que pasamos xuntos outros veráns.
Hai un rato pensaba nas fotografías que saco. Eu son debuxante, máis que fotógrafo. As miñas "fotografías" estaban feitas con lapis, con carboncillo ou con sanguina, nun bloc de Guarro ou nunha libreta de esbozos. Entón debuxaba moitas persoas, sobre todo retratos dos amigos e amigas. O derradeiro retrato que debuxei foi hai case que catro anos, un regalo de cumpreanos para unha amiga. Agora, sobre todo, tomo fotografías de paisaxes, de postas de sol, de cousas distantes nas que apenas se adeviña o paso da xente. O retrato é unha forma de achegarte ás persoas, e as paisaxes son unha forma de evasión.
É curioso que a xente sexa máis reacia a deixarse retratar nun papel que a deixarse retratar nunha fotografía (dígoo por experiencia). O primeiro deixa ó descuberto moitos rasgos da personalidade do retratado. Cada retrato é todo un reto, unha forma de captar a esencia da persoa, de chegar á súa alma e plasmala nun papel. Un retrato debuxado leva horas, nalgúns casos ata varios días, mentres que unha fotografía se toma nunhas fraccións de segundo. En fin, esta non é vida nin sociedade de retratos, tendemos a unha sociedade na que as cousas pasan á ritmo de fotografía, en fraccións de segundo. Canto boto de menos arrincarlle ós trazos un bo retrato, en fin...