Monteferro
Entereime hai dous días no blog de Pablo Varela de que a península de Monteferro, a carón da praria de Patos, vai ser urbanizada cun vial de acceso de 16 metros de ancho. Pablo difundiu o enlace dunha nova web que ven de lanzarse contra o progresivo maltrato que ven recibindo este espazo natural nos últimos anos: www.salvemosmonteferro.org Na web hai unha animación en formato GIF que amosa o estado do monte hai anos e tal como está agora, deixando en evidencia a progresiva deforestación e urbanización deste fermoso miradoiro sobre a Ría.
Teño lembranzas de Monteferro de cando era un cativiño. Ía de vez en cando co meu abó ou cos meus pais. Tamén teño ido moito cos meus amigos. Lémbrome dunha noite que fomos dar unha volta alí, e estivemos a percorre-lo monte con lanternas. En fin, son tantas as veces que teño ido e tantos os momentos -e tan fermosos- que teño asociados a ese lugar, que dame moita mágoa ver como o están a estropear.
A foto que encabeza estas liñas saqueina o pasado mes de agosto. A néboa botábase sobre Monteferro mentres as gaivotas daban os seus últimos vos do día sobre as ondas do mar, despois da posta de sol. Espero que non sexa a última lembranza.
<< Home