Unha pequena fonte de luz na escuridade
Esta foto saqueina en Madrid, na 'Velada pola Dignidade' do pasado mércores. Fun dar unha volta polos xardíns do Paseo do Prado, buscando unha fonte na que lavar as mans, e atopei unha fermosa imaxe da que botar unha toma. Mais non será disto do que falarei agora. Hoxe a Ría cubriuse de nubes, o día foi gris, máis a noite que o precedeu foi fermosa, rociada de ledicia como as follas das árbores aparecen cubertas de gotiñas de auga ó amencer. Moitas veces un vive días escuros, como o de hoxe, pero non só no sentido metereolóxico, e por iso é fácil saber cando outros ollos están, tamén, cubertos como a Ría. Arrincar un sorriso deses ollos e ceibalos da néboa é unha satisfacción que non ten prezo. Eu non aspiro a moito na vida, non busco nin cartos, nin fama, nin poder. Só pido poder seguir ceibando sorrisos como os de onte, sorrisos que iluminan a noite máis que a luz das estrelas. Por iso sí que vale a pena vivir, por ser como ese curruncho que fotografiei en Madrid: unha pequena fonte de luz na escuridade.
<< Home