Resistencias á vontade
Nas tarefas máis maravillosas da vida, a vontade se determina coa facilidade dun neno que se bota polos tobogáns de auga que hai xunto ó areal da praia de Samil. No caso das cousas que se fan cun requisito claro de voluntariedade, ese 'tobogán' é un elemento imprescindible. Ben é certo que en tódalas cousas boas da vida sempre imos ter algún momento adverso, mais as cousas boas compensan as malas como para ter que andar a procura-las ventaxas.
O problema chega cando as cousas tornan e a costa abaixo comeza a facerse costa arriba. Hai camiños noutrora cheos de ledicias, de satisfaccións, de esperanzas e de ilusións que pola acción do tempo e -sobre todo- das persoas, acaban por rematar nunca pendente insoportable de tristuras, de desilusións, de desánimos e aínda de envexas, de mentiras, de inxustizas, de falsas acusacións, de ofensas e de incomprensións. Supoño que é lei de vida: cando un pon o seu corazón nunha cousa, de boa fe, está arriscándose a que veña unha persoa calqueira e llelo esgane.
Hai cousas boas que compensan, ás veces, ter que percorrer camiños pragados das nefastas trabas das que falei no párrafo anterior, quizáis coa esperanza de ver como a costa arriba se alixeira, se fai cha e acaba por voltar a ser todo como antes. O inconvinte é non podermos ve-lo futuro, a incertidume, a dúbida coa que nos enfrontamos a cada novo paso que damos, levados pola que quizáis sexa unha esperanza valeira. ¿Cándo deterse e dar media volta? ¿Cándo rexeita-la idea de seguir e renunciar? Supoño que é a pregunta do millón, coa que acabamos por atoparnos todos.
<< Home