Paseniño, paseniño
Paseniño, paseniño,
vou pol-a tarde calada,
de Bastabales camiño.
Camiño d'o meu contento;
y en tanto o sol non se esconde,
n-unha pedriña me sento.
E sentada estou mirando
cómo'a lua vai saindo,
cómo o sol se vai deitando.
Cál se deita, cál se esconde,
mentras tanto corre a lua
sin saberse para donde.
Para donde vai tan soya,
sin qu'ôs tristes qu'a miramos
nin nos fale, nin nos oya.
Que si oíra e nos falara,
moitas cousas lle dixera,
moitas cousas lle contara.
(Rosalía de Castro, Campanas de Bastabales, III)
<< Home