Pantasmas
Percorren as vellas corredoiras que se adentran nas fragas, pelegrinando baixo as árbores nas noites de lúa nova, cando a escuridade non deixa máis luz baixo as follas que os candís da Compaña. A Estadea vai diante delas, coma unha negra sombra, guiando a derradeira marcha para o infortunado que as tope.
Lonxe da montaña, na noite,dirixen tamén os seus pasos cara os cabos do mundo, sedentas de mar. Cando as gaivotas se achegan ás praias e pasean na beiramar mollando as súas patas no extremo das ondas, elas miran con ollos tristes ó máis alá, ollos cheos de lembranzas e de morriña polos que deixaron atrás. Unha tristura tan profunda que as aferra á terra e non as deixa voar.
Nos antigos castelos que coroan algunhas cimas, cando o frío da noite bótase sobre as terras sementadas, outras repiten a súa condea vagando entre podres portas de madeira e arcos de pedra. Tamén nas cidades cheas de luz, onde todo se voltou tan rápido que ninguén repara nelas, surcan as rúas e navegan polas maruxías do pasado, tentando lembrar qué foi o que lles arrincou do fogar e do amor, quizáis percurando o camiño que as levou ó carón das néboas e ós confíns da existencia.
Cando as estrelas cobren o ceo e as nubes, por debaixo delas, fan de color gris as paisaxes, só deixando pasar algún raio de lúa, nas praias, nos castelos, nos currunchos máis descoñecidos das cidades... Leva coidado, elas agardan.
<< Home